Friday 03 de May de 2024

Adxudicada unha nova actuación arqueolóxica no Castro da Cidá


O Concello vén de adxudicar unha nova actuación consistente na execución das obras de escavación e posta en valor da plataforma superior leste do Castro da Cidá.

O importe da adxudicación é de 189.873,20 euros e o adxudicatario foi Miguel Ángel Vidal Lojo. O prazo de execución é de tres meses: dous para a execución da obra e un de consolidación das estruturas desenterradas, uns traballos nos que tomarán parte unha quincena de profesionais.

O proxecto foi seleccionado pola asociación Deloa para formar parte do programa Leader Galicia 2007-2013 e está cofinanciado nun 50% con fondos Feader, MARM e Agader.

A zona a intervir localízase na parte leste do castro, nun único espazo de morfoloxía rectangular duns 308 metros cadrados que se engloba no que se coñece como “croa” ou plataforma superior.

É a única zona do xacemento no que na actualidade se perciben fisicamente restos de arquitecturas pétreas e a priori se presume a existencia de restos arqueolóxicos.

Visitas
Cómpre destacar que co fin de achegar a actividade arqueolóxica á sociedade, os traballos permanecerán abertos durante o horario de traballo do equipo de profesionais e que haberá persoal encargado de atender as inquietudes dos visitantes, tal e como xa sucedera na primeira intervención no castro, que tivo lugar o ano pasado na zona oeste do xacemento ao abeiro do proxecto Riveira Atlántica.